O lugar de onde veño

Pronto a xente descubriu que ninguén retrata o mesmo de igual maneira, a suposición de que as cámaras procurarán unha imaxe obxectiva e impersoal cedeu ante o feito de que as fotografías non evidencian unicamente o que hai, senón o que un individuo ve. Non son soamente un rexistro, son unha avaliación do mundo.

Susan Sontag

    As cousas feitas coas propias mans, adquiren a miúdo un valor que perdura no tempo. A fotografía ten aínda agora unha pulsión de oficio artesán que motiva a súa facilidade para expresar valores sociais. Deste xeito, narrar con imaxes o que somos fomenta unha confluencia entre o pasado e o presente: un xeito de facer memoria para que as cousas permanezan.

    Capturar a esencia dun oficio en imaxes, é un xeito de capturar a identidade propia, porque o que nos define como individuos reside no valor das decisións de vida que tomamos e, á fin, no legado que deixamos no mundo. Tamén hai oficios que sobreviven sempre no que a persoa é, porque nunca deixa de definirse como tal. Meu avó forma parte de unha historia máis ampla da que soubo facernos partícipes hoxe e sempre.

  A cidade de Santiago de Compostela naceu arredor da creación artesanal e arquitectónica, manifestándose a través dos séculos como un centro de creación, experimentación e difusión artística, tremendamente esencial para a historia europea. Pero se a tradición marcou de xeito indiscutible o fundamento da pratería no entorno galego e compostelán na Idade Media e Moderna, será na Época Contemporánea cando a institucionalización dos estudos artesáns rematen por pulir a importancia desta práctica na cidade. A finais do século XIX a creación das Escolas de Artes e Oficios supoñen un paso de enorme importancia para a formación de novos prateiros.

     A gratuidade dos estudos constituíu unha oportunidade inmensa para moitos artesáns e obreiros que puideron recibir unha instrución xeral, a todos os niveis. Neste sentido, a través do século XX, a Escola de Artes e Oficios sufriu múltiples renovacións e modificacións das ensinanzas, pero claramente seguiu sendo un eixo esencial do traballo artesán na cidade e na súa contorna. Non será ata o ano 1946 cando a ubicación cambie ao lugar actual, onde permanece como Escola de Arte e Deseño Superior Mestre Mateo. Este entorno, malia as profundas modificacións acorde ao seu tempo, continúa fomentando unha esencia formativa que define un interese pola creación artística e artesanal, así como unha posición definida que aposta pola combinación de estudos teóricos e prácticos enfocados ao ámbito profesional.

        A cultura que me define e o lugar onde nacín, forman parte dunha esencia tan fonda como a diferenza entre o acibeche e o cristal. Meu avó aprendeunos a todos o valor das cousas feitas coas mans, o gusto pola prata e a importancia do lugar onde nacemos. Sen o seu referente hoxe non comprendería canto significa a miña cidade e a súa historia, e todo o que di dos que nela habitamos. El pertence a unha xeración nada na posguerra, que tivo que loitar polo máis básico, pero que nunca esqueceu que a aprendizaxe, en todas as súas facetas, é o que nos alimenta como individuos. Mentres se formaba na Escola de Artes e Oficios foi medrando profesionalmente para conformar un taller propio que conseguiu manter en pé ata xubilarse. Alí naceron obras de pratería para múltiples usos, pezas de xoiaría únicas e algúns exemplos significativos de arte relixioso como o Cáliz de San Gens de Padriñán (Sanxenxo, Pontevedra) ou o Sagrario da parroquia de San Fernando.

      O taller foi sempre para min un lugar de aprendizaxe e experimentación, o lugar das caixas granates co apelido Dávila en dourado, a orixe das réplicas do botafumeiro que meu pai fixo en serie durante anos, a segunda casa. Nel aprendín como fai boliñas o mercurio nas mans e a dificultade de repuxar filigrana. Foi o espazo que viu nacer os meus primeiros pendentes, e os de todas as mulleres da miña familia. Alí escollemos os aneis que nos unen e as pedras que cimentan o recordo dos que non están.

OFICIOS 1

     Por iso a pratería é o lugar de onde veño, porque a través dela comprendo canto define a miña orixe. É así que o oficio non só conforma unha práctica de traballo, senón unha identidade propia que fomenta unha herdanza dun valor incalculable. Esta é unha mostra significativa dese lugar, que aínda segue presente no día a día do meu avó, e na historia da miña familia. Quixen con estas imaxes narrar o que o traballo significa, dando presenza ao valor dos materiais que constrúen este pequeno universo.

      Son tomas que parten dunha intención fondamente persoal vencellada á profesión da pratería, polo que amosan distintas facetas da mesma. O proxecto da comezo cunha primeira imaxe de contextualización que describe o entorno de traballo dun prateiro, nela a definición do oficio está centrada no entorno do que xorden as pezas.

OFICIOS 5

OFICIOS 9

     Por outra banda, máis alá da importancia do traballo artesán, a pratería ten un compoñente intelectual claro, que se identifica coa formación teórica e o interese por coñecer a tradición na que se insire. Desta forma o taller está tamén habitado por libros e memorias de traballo que recollen o proceso artesán Porén, queda claro o valor da creación, directamente enlazado coa utilización das ferramentas e máquinas, dende un punto de vista minucioso e atento, que máis alá da dureza dos materiais, fala dun mimo enorme por pulir a idea ata o acabado final. En definitiva o oficio resumido nas mans que acariñan o recordo fotográfico do que xa foi.

OFICIOS 3

OFICIOS 12

      Así, o que permanece é ante todo unha aprendizaxe que se transmite, un punto de atención que nos une na tradición do que a pratería conforma na familia. Un presente no que xa non é posible perder o que nos identifica.

OFICIOS 8

OFICIOS 13

    O tema principal deste proxecto é o oficio de prateiro, mais tamén indaga na definición persoal de aquel que o práctica. Así, conecta cun lugar dentro de min, o lugar de onde veño, que asenta unha aprendizaxe de vida de gran valor. Meu avó, Manuel Dávila, é prateiro dentro e fóra da casa, e soubo establecer sempre a riqueza do seu oficio como eixo da súa identidade, e pedra importantísima da miña. Por iso da pratería permanece en min a lección das pequenas cousas, a importancia de proxectar, soldar e pulir todo canto somos e facemos na vida.

 


Deixar un comentario